martes, 25 de mayo de 2010

REINVENTARSE PARA FUXIR DAS RUTINAS

O xornal Galicia Hoxe, no seu blog "Xornalismo no futuro", publica hoxe as visións que dous estudantes da facultade de Ciencias de Comunicación (USC), Alba Pinto e Manuel Rodríguez, teñen sobre o mañá da profesión das noticias.

Por unha parte, Alba Pinto cre que a esperanza está en Internet, pero apunta que é a hora de reinventar o xornalismo. Esa reinvención pretende acabar coas opinións negativas que a sociedade ten sobre o oficio, aportando dignidade, reivindicando dereitos laborais e recuperando a credibilidade, un valor perdido na actualidade. Non obstante, o máis importante é conseguir que os propios xornalistas volten a crer na súa profesión e para isto, deben unirse e loitar por ela. Neste senso, é relevante incrementar a actividade de entes como o Colexio de Xornalistas de Galicia.

Por outra parte, a innovación da que fala Pinto axudará a rematar coas rutinas nas que se acomoda o xornalista, segundo indica Manuel Rodríguez. Este estudante de Xornalismo pensa que o periodista non debe quedarse en mero transmisor de consignas oficiais, senón que debe atreverse a realizar aventuras críticas.

En conclusión, a creación dunha nova concepción xornalística é unha vía acertada para ir suprimindo pouco a pouco esas carencias que impiden gozar de boa saúde ao xornalismo, unha profesión necesaria para a sociedade.

viernes, 21 de mayo de 2010

"MOVILIDAD DE LA POBLACIÓN Y MIGRACIONES EN ÁREAS URBANAS DE ESPAÑA Y PORTUGAL"

FICHA TÉCNICA
Título: Movilidad de la población y migraciones en áreas urbanas de España y Portugal
Autor: Julio Hernández Borge
Editorial: Universidade de Santiago de Compostela
Lugar e ano: Santiago de Compostela, 2009
Este libro recolle as actas do VII Coloquio Internacional organizado pola Cátedra Unesco 226 sobre Migracións. O acto tivo lugar en Santiago de Compostela, os días 27 e 28 de novembro de 2008.
A obra reúne os textos dos relatorios presentados neste coloquio por xeógrafos e historiadores tales como: Julio Hernández Borge, Domingo Fernández Lopo, Andrés Precedo Ledo, Isabel Poxada Rubies, José Antonio Díaz Fernández e Jorge Malheiros. As aportacións destes expertos ofrecen unha clara imaxe da diferenza de movementos espaciais da poboación dende a época do Antigo Réxime ata a actualidade nas áreas urbanas máis importantes de España e Portugal.
A edición deste libro inclúe abundantes recursos gráficos, táboas comparativas, imaxes e textos dos diferentes poñentes do coloquio sobre migracións. Os exemplares tentan centrarse monográficamente no tema das migracións e mobilidade da poboación en relación coas cidades.
En definitiva, un profundo e interesante percorrido histórico de mans de expertos en Xeografía e Historia polos procesos migratorios españois e portugueses.

martes, 18 de mayo de 2010

REGULACIÓN E COMPETENCIA NA REDE

O xornal Galicia Hoxe, no seu blog "Xornalismo no futuro", mostra os artigos de tres estudantes da facultade de Ciencias da Comunicación, da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estes mozos son Gemma Vega, Borja Golán e Mercedes Rey, universitarios que achegan os seus pareceres sobre o futuro da que será a súa profesión nun intervalo de tempo moi breve.
Por unha parte, Gemma Vega afirma que na rede existe un exceso de liberdade que ata lle dá medo. Iso é ben certo, xa que na actualidade, calquera persoa pode publicar contidos nun blog ou outro soporte sen dar explicacións nin conta das consecuencias que isto pode causar. Nese senso, é preciso regular este eido de Internet. Agardemos que o tempo sexa quen de poñer claridade neste enorme oco que o usuario enche ao seu libre albedrío.
Por outra parte, Borja Golán apunta que a competencia é a mellor ferramenta para acadar calidade na información nos medios. Así, os medios tradicionais traballarán pola innovación e as melloras para conseguir a súa supervivencia e incluso o óptimo crecemento.
Finalmente, Mercedes Rey indica que os medios tradicionais "precisan mudar estruturas, contidos e formas de facer para diferenciarse do resto". É o famoso dito de "renovarse ou morrer", a mellor solución para triunfar nestes casos.

martes, 13 de abril de 2010

A VOCACIÓN E A MODERNIZACIÓN DOS MEDIOS, SEGREDOS DE CONTINUIDADE NO FUTURO DO XORNALISMO

Vocación e enriquecemento dos medios dixitais semellan ser as solucións máis eficaces para garantir un futuro digno á profesión xornalística. Estas opcións son as propostas por Deborah Castro Mariño e Duarte Romero Varela, ambos os dous estudantes de cuarto curso de Xornalismo, na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O alumnado da materia Obradoiro de Aplicacións na Rede, na facultade de Ciencias de Comunicación, a piques de rematar a titulación, reflexionan acerca do futuro do xornalismo. Os seus artigos foron publicados no suplemento Universidade do xornal Galicia Hoxe.

Por unha parte, Deborah Castro lembra con nostalxia o momento no que decidiu apostar polo eido da comunicación a pesar da opinión contraria de súa nai. Na actualidade, esta moza de Vilagarcía continúa a pensar que o xornalismo é a profesión máis fermosa do mundo, ao igual que Gabriel García Márquez. Non obstante, puntualiza que “desgrazadamente, a precariedade laboral ou o intrusismo siguen presentes”.

Por outra parte, Duarte Romero avoga pola dixitalización dos medios. Este mozo naronés compara o consumo de información na xeración dos seus profesores e na súa. Así, destaca que “non se me ocorre mercar o xornal nada máis saír da casa, prefiro prender o ordenador”. Conclúe afirmando que se cada vez a sociedade se informa de xeito distinto, non se precisarán linguaxes que superen a simple envorcadura na rede dos contidos en papel.

Un percorrido pola historia da profesión das noticias, valoración da situación actual do oficio, múltiples cambios nos medios, experiencias personais e formación ao longo de catro anos dan como froito perspectivas de futuro onde se debuxan a importancia da figura do xornalista.

lunes, 12 de abril de 2010

INCERTIDUME NO CONTO DO XORNALISMO

Hai catro anos, co inicio da miña andaina na facultade de Ciencias da Comunicación, atrevíame a dicir que o xornalismo era unha caixa de sorpresas. Hoxe, con 21 anos e a piques de converterme en xornalista debuxo incertidume. Sí, incertidume. Esa é a palabra que mellor califica ao futuro desta profesión. O auxe das novas tecnoloxías desbancou a medios tradicionais como a prensa, a radio e a televisión. A sociedade evoluciona e muda os seus hábitos de vida, feito que tamén incide no xeito de informarse. Así, as novas xeracións son seguidoras das redes socias, dos blogs ou doutras ferramentas que ofrece Internet. O ciberespacio é un auténtico maremágnum de soportes e contidos onde o usuario navega ata perderse sen ancorar no seu destino.

Non obstante, existe unha grande paradoxa neste eido da comunicación: o cidadán vese desbordado pola información que lle chega a través das distintas canles e a pesar diso, na maioría dos casos, considérase desinformado. Quizáis, esta situación se deba á ausencia dun xornalista como figura mediadora, un profesional que traslade información de calidade, coa achega dunha contextualización e interpretación. E iso tamén precisa dunha mudanza.

Pero, volvendo ás perspectivas de futuro, a profesión está nunha etapa de transformación, de mera influencia no soporte. Sen embargo, a esencia de contar historias que ten o xornalismo non desaparecerá xamáis porque o ser humano sempre sentirá a necesidade de manterse informado.


martes, 16 de marzo de 2010

INTERACTIVIDADE NO XORNAL GALICIA HOXE

As novas deste xornal electrónico estrutúranse nos seguintes apartados:
- Última Hora
- Vivir Hoxe Galicia
- Vivir Hoxe Aulas
- Vivir Hoxe Sociedade
- Política Galicia
- Política España
- Política mundo
- Economía
- Deportes
- Maré
- En rede
- Comunicación
- A Contra
- Opinión

Dende a páxina de inicio pódese acceder tamén os suplementos Altermundo, Lecer, Revista das Letras e Universidade.
Galicia Hoxe ten só cinco blogs:
- Vai de blogs por Fran P. Lorenzo
- Tecnociencia e democracia por Juan R. Coca
- Éche o que hai por López
- A viñeta de M. B. Rei
- A viñeta de H.M.
PARTICIPACIÓN DOS USUARIOS:
A participación dos usuarios é moi baixa e para comentar as novas é necesario que se fagan usuarios rexistrados.
MULTIMEDIALIDADE:
O uso dos hipertextos no corpo das novas é inexistente e limítase a enlazar noticias relacionadas ó principio. O xornal tamén prescinde do uso de vídeos e audios e o número de fotografías tamén é escaso se o comparamos con outros xornais electrónicos do mesmo ámbito de cobertura.
OUTROS SERVIZOS:
Galicia Hoxe contén unha hemeroteca onde poder consultar novas de ata de fai un ano a través de palabras clave. Tamén se facilita a portada do xornal impreso a través de pdf. O diario tamén proporciona un servizo de RSS.
As redes sociais tamén están presentes. Deste xeito, o usuario, dende as noticias, pode acceder a Menéame ou Delicious. Tamén pode compartir as novas con outros usuarios, enviándollas por correo electrónico e incluso se permite a opción de acceder a un buscador de Yahoo.
Por outra parte, cabe citar que non existen foros de debate nin encontros dixitais con representantes dos eidos político, económico ou cultural. Non obstante, ofrécese a posibilidade de que o lector envíe propostas e suxerencias ao mail da redacción do xornal.
En canto á actualización dos contidos, cómpre sinalar que é bastante continua, aproximadamente realízanse renovacións de datos cada hora.