O xornal Galicia Hoxe, no seu blog "Xornalismo no futuro", mostra os artigos de tres estudantes da facultade de Ciencias da Comunicación, da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estes mozos son Gemma Vega, Borja Golán e Mercedes Rey, universitarios que achegan os seus pareceres sobre o futuro da que será a súa profesión nun intervalo de tempo moi breve.
Por unha parte, Gemma Vega afirma que na rede existe un exceso de liberdade que ata lle dá medo. Iso é ben certo, xa que na actualidade, calquera persoa pode publicar contidos nun blog ou outro soporte sen dar explicacións nin conta das consecuencias que isto pode causar. Nese senso, é preciso regular este eido de Internet. Agardemos que o tempo sexa quen de poñer claridade neste enorme oco que o usuario enche ao seu libre albedrío.
Por outra parte, Borja Golán apunta que a competencia é a mellor ferramenta para acadar calidade na información nos medios. Así, os medios tradicionais traballarán pola innovación e as melloras para conseguir a súa supervivencia e incluso o óptimo crecemento.
Finalmente, Mercedes Rey indica que os medios tradicionais "precisan mudar estruturas, contidos e formas de facer para diferenciarse do resto". É o famoso dito de "renovarse ou morrer", a mellor solución para triunfar nestes casos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario