martes, 25 de mayo de 2010

REINVENTARSE PARA FUXIR DAS RUTINAS

O xornal Galicia Hoxe, no seu blog "Xornalismo no futuro", publica hoxe as visións que dous estudantes da facultade de Ciencias de Comunicación (USC), Alba Pinto e Manuel Rodríguez, teñen sobre o mañá da profesión das noticias.

Por unha parte, Alba Pinto cre que a esperanza está en Internet, pero apunta que é a hora de reinventar o xornalismo. Esa reinvención pretende acabar coas opinións negativas que a sociedade ten sobre o oficio, aportando dignidade, reivindicando dereitos laborais e recuperando a credibilidade, un valor perdido na actualidade. Non obstante, o máis importante é conseguir que os propios xornalistas volten a crer na súa profesión e para isto, deben unirse e loitar por ela. Neste senso, é relevante incrementar a actividade de entes como o Colexio de Xornalistas de Galicia.

Por outra parte, a innovación da que fala Pinto axudará a rematar coas rutinas nas que se acomoda o xornalista, segundo indica Manuel Rodríguez. Este estudante de Xornalismo pensa que o periodista non debe quedarse en mero transmisor de consignas oficiais, senón que debe atreverse a realizar aventuras críticas.

En conclusión, a creación dunha nova concepción xornalística é unha vía acertada para ir suprimindo pouco a pouco esas carencias que impiden gozar de boa saúde ao xornalismo, unha profesión necesaria para a sociedade.

viernes, 21 de mayo de 2010

"MOVILIDAD DE LA POBLACIÓN Y MIGRACIONES EN ÁREAS URBANAS DE ESPAÑA Y PORTUGAL"

FICHA TÉCNICA
Título: Movilidad de la población y migraciones en áreas urbanas de España y Portugal
Autor: Julio Hernández Borge
Editorial: Universidade de Santiago de Compostela
Lugar e ano: Santiago de Compostela, 2009
Este libro recolle as actas do VII Coloquio Internacional organizado pola Cátedra Unesco 226 sobre Migracións. O acto tivo lugar en Santiago de Compostela, os días 27 e 28 de novembro de 2008.
A obra reúne os textos dos relatorios presentados neste coloquio por xeógrafos e historiadores tales como: Julio Hernández Borge, Domingo Fernández Lopo, Andrés Precedo Ledo, Isabel Poxada Rubies, José Antonio Díaz Fernández e Jorge Malheiros. As aportacións destes expertos ofrecen unha clara imaxe da diferenza de movementos espaciais da poboación dende a época do Antigo Réxime ata a actualidade nas áreas urbanas máis importantes de España e Portugal.
A edición deste libro inclúe abundantes recursos gráficos, táboas comparativas, imaxes e textos dos diferentes poñentes do coloquio sobre migracións. Os exemplares tentan centrarse monográficamente no tema das migracións e mobilidade da poboación en relación coas cidades.
En definitiva, un profundo e interesante percorrido histórico de mans de expertos en Xeografía e Historia polos procesos migratorios españois e portugueses.

martes, 18 de mayo de 2010

REGULACIÓN E COMPETENCIA NA REDE

O xornal Galicia Hoxe, no seu blog "Xornalismo no futuro", mostra os artigos de tres estudantes da facultade de Ciencias da Comunicación, da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Estes mozos son Gemma Vega, Borja Golán e Mercedes Rey, universitarios que achegan os seus pareceres sobre o futuro da que será a súa profesión nun intervalo de tempo moi breve.
Por unha parte, Gemma Vega afirma que na rede existe un exceso de liberdade que ata lle dá medo. Iso é ben certo, xa que na actualidade, calquera persoa pode publicar contidos nun blog ou outro soporte sen dar explicacións nin conta das consecuencias que isto pode causar. Nese senso, é preciso regular este eido de Internet. Agardemos que o tempo sexa quen de poñer claridade neste enorme oco que o usuario enche ao seu libre albedrío.
Por outra parte, Borja Golán apunta que a competencia é a mellor ferramenta para acadar calidade na información nos medios. Así, os medios tradicionais traballarán pola innovación e as melloras para conseguir a súa supervivencia e incluso o óptimo crecemento.
Finalmente, Mercedes Rey indica que os medios tradicionais "precisan mudar estruturas, contidos e formas de facer para diferenciarse do resto". É o famoso dito de "renovarse ou morrer", a mellor solución para triunfar nestes casos.