Vocación e enriquecemento dos medios dixitais semellan ser as solucións máis eficaces para garantir un futuro digno á profesión xornalística. Estas opcións son as propostas por Deborah Castro Mariño e Duarte Romero Varela, ambos os dous estudantes de cuarto curso de Xornalismo, na Universidade de Santiago de Compostela (USC). O alumnado da materia Obradoiro de Aplicacións na Rede, na facultade de Ciencias de Comunicación, a piques de rematar a titulación, reflexionan acerca do futuro do xornalismo. Os seus artigos foron publicados no suplemento Universidade do xornal Galicia Hoxe.
Por unha parte, Deborah Castro lembra con nostalxia o momento no que decidiu apostar polo eido da comunicación a pesar da opinión contraria de súa nai. Na actualidade, esta moza de Vilagarcía continúa a pensar que o xornalismo é a profesión máis fermosa do mundo, ao igual que Gabriel García Márquez. Non obstante, puntualiza que “desgrazadamente, a precariedade laboral ou o intrusismo siguen presentes”.
Por outra parte, Duarte Romero avoga pola dixitalización dos medios. Este mozo naronés compara o consumo de información na xeración dos seus profesores e na súa. Así, destaca que “non se me ocorre mercar o xornal nada máis saír da casa, prefiro prender o ordenador”. Conclúe afirmando que se cada vez a sociedade se informa de xeito distinto, non se precisarán linguaxes que superen a simple envorcadura na rede dos contidos en papel.
Un percorrido pola historia da profesión das noticias, valoración da situación actual do oficio, múltiples cambios nos medios, experiencias personais e formación ao longo de catro anos dan como froito perspectivas de futuro onde se debuxan a importancia da figura do xornalista.